A candidata e De camiños, viaxeiros e camiñantes entre o mellor de 2016

Categoría: Nova

É tempo de Nadal, de facer un pequeno repaso do que foi o ano que está a piques de deixarnos e tamén no literario cómpre escolmar aqueles títulos que deixaron pouso en nós ao longo destes doce meses. Dende Biosbardia recoméndase unha ducia de obras que o xornalista e crítico César Lorenzo Gil  considera que merecen ocupar un lugar destacado no andel de calquera casa.
Entre os catro primeiros títulos atopamos dous publicados pola Editorial Galaxia. En segundo lugar A candidata, de Miguel Sande, da que se destaca que é un “relato por veces sombrío por veces esperanzado dos efectos da crise económica sobre unha familia. O escritor constrúe unha quebra persoal e colectiva mediante técnicas narrativas pouco convencionais e unha profunda pescuda nos interiores máis inaccesibles e menos racionais da mente humana. Ollada sobre os desexos e as frustracións, especialmente de dúas mulleres, nai e filla, ás que primeiro a miseria e logo a violencia lles vai cambiar a vida. Tamén é quizais a primeira obra narrativa que analiza os cambios políticos que supuxo a crise do 2008. Esta novela, publicada por Galaxia, gañou o Premio García Barros”.
No cuarto posto está o ensaio De camiños, viaxeiros e camiñantes, de Santiago Lamas e Afonso Mato “Tomando como punto de partida (nunca mellor dito) a viaxe que en xullo do 1927 iniciaron os escritores ourensáns Ben-Cho-Shey, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo desde a Alameda do Cruceiro de Auria até Santo André de Teixido, os dous autores van elaborando un ameno e documentado percorrido sobre diferentes aspectos filosóficos, históricos e literarios ao redor do feito de camiñar, viaxar e peregrinar. Con este libro apréndese moito, non só do valor da viaxe en todo o seu contexto senón tamén das propias personalidades e obxectivos dos galeguistas do século XX”. Esta obra gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no 2015.
Para ler as demais recomendación en Biosbardia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email