Biblioteca Filgueira Valverde

Categoría: Nova

Nace a Biblioteca Filgueira Valverde, dentro das Bibliotecas de Autor de Editorial Galaxia, coa intención da organizar a produción literaria -"Quintana viva" e "O vigairo" – e a inxente produción xornalística do autor, neste caso seleccionada por el mesmo a través dos "Adrais". "Adral" (9 volumes) é a recopilación do máis significativo da obra de divulgación que o prodesor Filgueira espallou nas páxinas dos xornáis, principalmente en Faro de Vigo e La Voz de Galicia, auténtica miscelánea de coñecementos relacionados con Galicia, a cultura galega e a cultura universal. Acordamos que as cubertas fosen obras ou fragmentos de cadros e deseños de Ovidio Murguía (1971-1900), un dos pintores galegos que Filgueira admiraba.

"Quintana viva" recolle entre outros textos "Os nenos" (1925), o primeiro libro que publicou Filgueira Valverde, en Pontevedra, na colección Lar, en sendo aínda un mozote: tiña 19 anos. O conxunto da obra foi preparado en vida polo propio autor para Galaxia (1971).

En "O Vigairo" reunimos catro títulos que completan a produción literaria de Filgueira, ata agora ou inéditos ou pouco accesibles. A obra que encabeza o libro, "O vigairo", inspirada no mundo dos mareantes pontevedreses, é do ano 1927. "Agromar" (1936), editada inicialmente co pseudónimo de J. Acuña, aínda que con limiar de Filgueira, é unha obra de teatro pensada para representar nas escolas e con carácter aberto, para que os actores e directores de escana, principalmente os mestres, poidan intervir nela.

"Aucto de Santa María" é unha reacreación, tamén teatral, do xénero dramático sacramental na Baixa Idade Media e no Renacemento, publicada por primeira vez na revista GRIAL no ano 1969. "A monxa-frade", no mesmo espírito de evocación histórica e erudita do autor, apoiándose nunha figura existente, foi concibida para a colección Contos do Castromil, que se realizou en 1992, aínda que este texto nunca chegou a rematarse.

En sucesivas entregas Galaxia irá recollendo a obra literaria de Filgueira Valverde, principalmente os "Adrais", nesta mesma Biblioteca. O Primeiro e Segundo Adral xa están nas librerías. O Terceiro Adral sairá no prelo despois do verán.

Comparte nas túas redes sociais ou por email