Reivindicación da nación. Memoria dos devanceiros. Río que nos continúa, dende os Ilustrados á Xeración Nós, dende Rosalía a Bóveda, Castelao, Ánxel Casal, Roberto Blanco Torres, Víctor Casas, Xurxo Lourenzo, Arturo Noguerol… O libro dos amigos. Adrián Solobio. Defensa da lingua e defensa da dignidade. Negación do conformismo. Chamamento a reaccionar. "Rexurdirá a nosa xente coma renacen os fentos no monte despois do incendio"… Xosé Manuel Beiras recibiu o domingo en Trasalba, na casa grande de Cimadevila, memoria de Ramón Otero Pedrayo, o Premio que esta Fundación concede anualmente a unha personalidade "comprometida coa lingua e a cultura galegas". Co auditorio da casa-museo a rebordar, a laudatio leuna o Presidente da Real Academia Galega, tamén Presidente de Honra da FOP, Xosé Ramón Barreiro. O homenaxeado respondeu cun texto que titulou "Gabanza e oración profana a don Ramón de Trasalba", de próxima publicación na revista GRIAL e que en breve incorporaremos tamén a estas páxinas.
Foi unha xornada chea de emocións e de vellas lembranzas: a familia, os amigos, os primeiros pasos na universidade, París, a loita antifranquista, o esforzo pola construción dun discurso organizado a prol da liberación nacional… Isaac Díaz Pardo ofreceu un ano máis o que el chama "a súa mamarrachada": debuxo orixinal co que agasalla ao homenaxeado, e a Fundación preparou o Libro dos Amigos, en edición especial, asinado por todos os seus compoñentes, e mais unha placa conmemorativa.
Para cerrar o acto, antes da audición tradicional das palabras de Otero Pedrayo, Tomás Camacho (guitarrista) e Luis Soto (frauta) interpretaron temas de E. Satie (Gymnopedie nº 1) e X. Montes (Negra Sombra) en homenaxe ao premiado. Máis de cincocentas persoas participaron no xantar colectivo que se celebrou no souto veciño da casa grande.