Basilio Losada cumpriu 80 anos

Categoría: Nova

O último día da primavera, o 20 de xuño, cumpría 80 anos Basilio Losada, referente esencial de todo o que teña que ver con Galicia e coa súa literatura, escritor, estudoso, profesor e, sobre todo, traballador incansable, dende as afastadas, xeograficamente, só así, terras catalanas, dende as que, dende hai moitísimo tempo, exerceu a docencia centrada, precisamente, na lingua e literatura de nós.
Poucos intelectuais como Basilio Losada concitan tanta unanimidade e admiración á hora de falar da súa figura e, sobre todo, do rigor do seu traballo.
Na ligazón que atoparás á dereita destas liñas podes acceder ao blog ' Estudis Gallesc i Portuguesos' que, dende Barcelona, mantén aceso o facho da nosa cultura alí. Atoparás, entre outras cousas, documentación audiovisual (fotos, entrevista no 'Diario Cultural' da Radio Galega e mais un vídeo preparado por Ana Escourido e fotografías) de Basilio Losada durante a presentación, agora hai un ano, do epistolario cruzado con Ramón Piñeiro.
Oitenta anos de lucidez, don Basilio Losada. Agasallo para todos e para todas. Para seguirmos bebendo palabras e dicires sabios!

Comparte nas túas redes sociais ou por email