“As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo. 1885-1936” de Carmen V. Valiña: a historia das que nunca importaron

Categoría: Nova

Editorial Galaxia publica As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo. 1885-1936, de Carmen V. Valiña, unha obra que rescata do esquecemento as voces silenciadas de mulleres internadas no hospital psiquiátrico de Conxo entre finais do século XIX e o comezo da Guerra Civil.

Nun relato documentado e conmovedor, a autora achéganos á realidade de mulleres que sufriron o encerro non por enfermidade, senón por ser quen eran: aldeás, pobres, analfabetas, rebeldes. Unha dobre condena, social e institucional.

A través de historias como a de Amalia, que fumaba cigarros rubios no vapor Habana; ou María, escribindo á súa filla tras un Nadal no inferno; ou mesmo Elena, cunha mirada que aínda busca sentido máis alá das paredes do manicomio, o libro constrúe unha memoria colectiva necesaria. As súas voces, feridas e verdadeiras, saen das follas para lembrarnos que o que queda nas marxes tamén importa. E debe ser contado.

Unha obra imprescindible, publicada na colección Ensaio, para quen queira escoitar a historia desde o outro lado do silencio.

Xa dispoñible en librarías.

Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes (UEMC) e creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos (www.perifericas.es). Combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha vertente como escritora de ficción onde as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía teñen un peso notable. Escribiu e publicou sobre xornalistas españolas en Oriente Medio e sobre as emigrantes da Terra de Soneira en Suíza, pero dende 2021 as mulleres internas no manicomio de Conxo son as protagonistas absolutas da súa obra.

En 2024 participou na Residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón, que lle serviron para rematar este libro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email