AS FIANDEIRAS, de Antonio Piñeiro

Categoría: Nova

O xurado salientou desta obra o seu "intenso, revelador e sutil achegamento á historia dun tempo pasado lexible en clave presente". A novela de Antonio Piñeiro relata un deses recónditos acontecementos que a Historia adoita agachar. Na Estrada, no contexto convulso das insurreccións cantonais de fins do século XIX, ten lugar un triángulo afectivo arredor do cal se desenvolve unha trama con certo aire inquisitorial. Trátase de someter a unhas mulleres (as fiandeiras) que cometen o impensable acto de tirar para diante por si mesmas, molestando os intereses dunha importante industria e do poder dominante. O paralelismo co momento insurreccional é evidente, así como tamén o é o xogo literario co mito de Aracne: a tecedora que se rebela contra Minerva.

A Chiva, fiandeira valente, amiga, soñadora, romántica, quizais inxenua, pero decidida a dar o paso por ela mesma e por todas, agarda a chegada da calesa na que o seu destino a vén buscar. A mestra agarda tamén, mentres escoita o inquietante son das rúas, o dos cascos dos cabalos e o dos sabres. E a nena que, gabeando ao peitoril da ventá do caserón e da súa propia nenez, descobre con abraio o que hai tras as aparencias.

Un triángulo afectivo no século cantonal, romántico e libertario, arredor de cuxos vértices oscilan os lances desoutra trama do grande, intrincado e perpetuo triángulo formado pola comunidade, o poder, e o devir.

ANTONIO PIÑEIRO (Ribeira, 1962), un dos membros da fértil vaga do Grupo Barbantia, ademais de editor artesanal, vén repartindo a súa actividade entre a literatura e a docencia no Instituto de Ensino Secundario de Ribeira. Pola súa obra, recollida ata o momento en nove títulos, recibiu, entre outros, o Premio Antón Avilés de Taramancos. As fiandeiras é a súa segunda entrega novelística.

Comparte nas túas redes sociais ou por email