Anuncio e fundamentación da idea de Deus

Categoría: Nova

"Este libro naceu como unha reflexión persoal sobre Deus e a sobre a fe que o inspira. En certa maneira tamén é a resposta á nota que no seu dia redactou a Conferencia Episcopal sobre os meus textos e a miña posición verbo da doutrina e a miña idea relixiosa, aínda que xa estaba empezado a redactar de antes. Deus é amor. Non se pode concibir a idea de Deus sen o amor que significa a Creación e as súas criaturas".

Andrés Torres Queiruga presentou en Santiago o seu último libro, "Alguén así é o Deus en que eu creo". Acaso o libro máis persoal e íntimo do autor, en palabras de Víctor F. Freixanes, director de Editorial Galaxia, que participou na presentación xunto con Xán López Facal, quen salientou os méritos do teólogo galego, unha das grandes fiuiras do pensamento relixioso contemporáneo, con proxección internacional. "E cunha fe radical na súa cultura e na súa lingua", comentou López Facal. "Todos os seus libros están escritos inicialmente en galego, aínda que traducidos a varios idiomas. Poucas personalidades con tanta proxección intelectual coma o noso autor".

Co auditorio da biblioteca Ánxel Casal totalmente cheo, Torres Queiruga asinou exemplares da súa última obra, que axiña será traducida a outros idiomas, editada na colección Ensaio de Editorial Galaxia en colaboración coa Fundación Isla Couto.

Comparte nas túas redes sociais ou por email