Alfonso Becerra de Becerreá

Categoría: Recensión

MÁQUINA HAMLET E OUTRAS PEZAS de HEINER MÜLLER (Galaxia, 2013) é un libro fundamental porque recolle obras da segunda metade do século XX que supuxeron un cambio radical na concepción do teatro. Heiner Müller é un dos grandes reformadores da dramaturxia universal: a súa concepción plástica e visual a partir da acción verbal, a estética posdramática fragmentaria, a colaxe e a intertextualidade, entre outros procedementos, conforman unha poética revolucionaria.
Calquera persoa que desexe cultivarse pracenteiramente necesita o alimento da literatura dramática e das artes escénicas, entre outras manifestacións culturais e artísticas humanizadoras. ¿Quen pode SER culta/o sen achegarse, por exemplo, á dramaturxia de William Shakespeare, Calderon de la Barca, Álvaro Cunqueiro, Thomas Bernhard, Sarah Kane ou Heiner Müller? ¿Por que se marxina entón a literatura dramática nos planes de estudo do Ensino, nas Universidades e mesmo nas editoriais? Non coñecer a obra de Heiner Müller no ámbito das artes escénicas é como non coñecer a de Pablo Picasso no ámbito da arte pictórica.
Por estas razóns e por outras, que teñen que ver co puro goce artístico, MÁQUINA HAMLET E OUTRAS PEZAS debera converterse nun best seller non só en Galiza senón tamén nas librarías do Estado, porque as obras que contén esta edición de Galaxia (Xermania. Morte en Berlín; Cemento segundo Gladkov; Máquina Hamlet; Cuarteto segundo Laclos e Marxe espoliada Medeamaterial Paisaxe con argonautas) atópanse actualmente esgotadas en castelán e non son accesibles tampouco en portugués.

Comparte nas túas redes sociais ou por email