Alba Cid gaña o Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández con Atlas.
O galardón, concedido polo Ministerio de Cultura, está dotado con 20.000 euros.
O xurado destacou que a obra premiada constitue “unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo. É poesía tanto do coñecemento como da emoción, e presenta unha nova cartografía en que se funde o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma”. Tamén se resalta que é unha obra “escrita coa lóxica do asombro e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía.”
Alba Cid (Ourense, 1989) é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Participou en volumes como Poética da casa (2006) e a antoloxía de Apiario No seu despregar (2016). Publica textos de creación e recensións nas revistas Grial, Luzes, Tempos Novos e Dorna, e é colaboradora da Radio Galega; ilustra e mantén un “Gabinete de curiosidades”. Os seus poemas foron traducidos para o castelán, o grego, o inglés e o portugués, e apareceron enOculta Lit, The Offing e Poem-a-Day, serie web da Academy of American Poets. Na actualidade, encárgase do John Rutherford Centre for Galician Studies, da Universidade de Oxford.