Agustín Fernández Paz xa é Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo

Categoría: Nova

O de onte foi un día fermoso para Agustín Fernández Paz, para a Universidade de Vigo e para a Literatura Infantil e Xuvenil Galega. Pasados uns minutos do mediodía, o autor de Vilalba era admitido entre os claustrais, na compaña do outro doutorando, o químico Julio Casado para que dese comezo a cerimonia que os investiría como Doutores Honoris Causa da universidade do sur de Galicia.
Non faltaron ao acto compañeiros de xeración coma Paco Martín ou Fina Casalderrey, así como outros moitos compañeiros e compañeiras das letras e do ensino, os dous eixos sobre os que gravita a vida de Fernández Paz.
Nun emocionante discurso, criticou os retrocesos que en materia de consenso se produciron na lingua galega, explicando o duro camiño que se percorrera dende a súa infancia, onde os libros en galego non existían practicamente, ata "a ilusión que os produciu cando puidemos por fin mercalos", ata a situación actual onde non parece que todos estean a tirar na mesma dirección.
Titulou o seu discurso 'Seis lembranzas e unha narración'. No mesmo, ademais de explicar o camiño percorrido pola súa xeración para conseguir o prestixio da lingua galega, reflexionar sobre o ensino ou as maneiras de espallar o amor pola lectura, o autor de 'Zeralda e o dragón' que vimos de publicar recentemente na nosa colección Árbore, leu un fermoso relato no que deixou claro, como reza un dos seus máis famosos libros, que o único que queda, ao final de todo, é o amor.

Comparte nas túas redes sociais ou por email