O ESCRITOR Agustín Fernández Paz será a personalidade da cultura galega homenaxeada na Festa Anual que organiza en Trasalba a Fundación Otero Pedrayo. Así o decidiu por unanimidade a xunta de goberno da institución, logo de considerar propostas que chegaron tanto dende dentro como dende fóra da fundación. O acto de entrega realizarase, como xa é tradicional, na casa grande de Cimadevila (Amoeiro), casa-museo de Ramón Otero Pedrayo, o derradeiro domingo do mes de xuño.

Os promotores do premio, que este ano chega á edición número 32, valoraron moi especialmente a significación de Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), no eido da literatura dirixida aos lectores máis novos (infantil e xuvenil), ámbito no que o autor acadou recoñecida sona dentro e fóra das nosas fronteiras, así como o seu compromiso coa lingua e os movementos de renovación pedagóxica que empezaron a desenvolverse a partir dos anos 80, un eido que ata agora non fora considerado na nómina de Premios Trasalba, o que sen dúbida os enriquece.

A relación de premios e recoñecementos de Agustín Fernández Paz non é de agora. Entre outros galardóns posúe o Premio Merlín (1989), o Premio Lazarillo (1990), o Premio Ourense de Banda Deseñada (1992), o Premio EDEBÉ (1994, 2005), o Premio Barco de Vapor (2003), o Premio Martín Sarmiento (2006), o Premio Xerais de Novela (2007), o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil (2011), o Premio Ánxel Casal (2011), o Premio Lousada Diéguez (2012) e, entre outros moitos, o Premio Nacional de Literatura no ano 2008.

Varias veces recibiu o Premio da Crítica e estivo seleccionado na Lista de Honor do IBBY. Igualmente foi agasallado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Federación de Libreiros de Galicia, Galix, etc. A súa obra está a traducida a diversos idiomas.

Laudatio e libro homenaxe

Francisco Castro, escritor e presidente de GALIX, será a persoa encargada de escribir a laudatio do galardoado e a fundación prepara para a ocasión un libro-homenaxe, publicación tradicional tamén nos últimos anos, arredor da personalidade e traxectoria biográfica de Fernández Paz. O premio ten carácter honorífico e está representado por unha figura de bronce do patriarca das Letras Galegas, obra do escultor Manuel Buciños. Na edición anterior a persoa homenaxeada foi a gaiteira Cristina Pato, que estará presente na celebración e dará o relevo a Agustín Fernández Paz.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR