Xa está aberto o prazo de matrícula para inscribirvos no Obradoiro de Poesía, da Escola de Letras, da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, con Antonio García Teijeiro.
Será na sede da Deputación de Pontevedra (Rúa Eduardo Chao, 17), en Vigo, en horario de 18 h a 20 h, os días 3 e 4 de maio. Todas as persoas interesadas poderán formalizar a matrícula enviando un correo a escoladeletras@editorialgalaxia.gal, indicando:
-Nome completo da alumna/o.
-Correo electrónico.
-Número de teléfono.
Todas e todos os asistentes ao obradoiro podarán gozar da oportunidade de aprender cun grandísimo poeta e docente. García Teijeiro ensinará ao alumnado a súa visión e amor pola palabra, unha maneira fantástica de abrazar o mundo da escrita.
Antonio García Teijeiro naceu en Vigo en 1952. É profesor, escritor e crítico de literatura infantil. Obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2017. Galardoado co Premio Merlín por Na fogueira dos versos, entrou na lista de honra do Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY, polas súas siglas en inglés), e concedéuselle o Premio Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua (Italia), un dos máis prestixiosos de Europa. Co poemario Arredor do teu corpo gañou o Premio Illas Sisargas. Estes son só algúns dos moitos recoñecementos que atesoura. Algúns dos seus poemas foron musicados por grupos de Galicia e músicos coma Antón Seoane e Paco Ibáñez. Mantén unha intensa actividade na rede co seu blog Versos e Aloumiños. Na Editorial Galaxia publico libros como o recente Bicos e non balas, Lista de Honra OEPLI 2020, ilustrado por Bea Gregores, Petando nas portas de Dylan ou Raiolas de sol.