Carlos Núñez. O comunista que non foi gaiteiro, de Perfecto Conde, con prólogo do catedrático Xesús Alonso Montero, é unha obra, publicada na colección Memoria, que afonda na loita antifranquista.
O protagonista do libro, figura na memoria de moita xente, e nalgúns libros de Historia, como un esforzado militante comunista, nomeadamente nos anos do franquismo serodio, que tivo gran relevancia nos acontecementos da folga xeral viguesa de setembro de 1972, cando a cidade estivo condicionada polas mobilizacións obreiras. Mais na biografía de Carlos Núñez hai moito máis: desde as torturas do franquismo, o exilio en París e Moscova e a fundación do PCG, ata as súas innovacións municipalistas en 1979 e o 23-F.
O libro ofrece un relato documentado da súa vida, contextualizando os acontecementos históricos que marcaron o seu camiño e explorando o seu pensamento político. Perfecto Conde pon en valor o papel dos exiliados na loita contra a ditadura e na construción dunha identidade política galega contemporánea.
Unha conversa que non deixará indiferente a ninguén. Esta semana chegará a todas as librarías.
Perfecto Conde (Xinzo, A Pontenova, 1943) estudou Filosofía e Letras e Periodismo e comezou o seu labor xornalístico no Diario SP de Madrid, foi secretario de redacción da revista Chan, dirixida por Borobó, e traballou para a BBC, Television Français 1, Radiodifução Portuguesa, os semanarios Triunfo, Cambio 16, Tiempo, e os xornais La Región, El Progreso, Avui, El Periódico de Cataluña e A Nosa Terra, entre outros.
Foi o primeiro correspondente de El País en Galicia ata 1982, delegado do Grupo Z ata 1984 e xefe de investigación e redactor xefe de sucesos do semanario Interviu.