A Editorial Galaxia, Cunqueiriana de Honra 2025

Categoría: Nova
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro entregarán o venres 28 de febreiro a distinción de Cunqueiriana de Honra 2025 a Editorial Galaxia. Será nun acto ao mediodía no salón de plenos con laudatio a cargo de César Cunqueiro, fillo do ilustre mindoniense.

Os actos de conmemoración do cabodano de Cunqueiro comezarán ás 11:00h no Cemiterio Vello, onde terá lugar a Ofrenda Floral diante da tumba do autor. A comitiva trasladarase ao Salón de Plenos do Concello, onde se celebrará a cerimonia de entrega da distinción de entidade Cunqueiriana de Honra á Editorial Galaxia.

No mesmo, participarán, o coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, César Cunqueiro, fillo do insigne escritor mindoniense, e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia. 

Esta distinción ten como obxectivo “recoñecer o labor daqueles persoeiros ou entidades que se teñen significado na visibilización e proxección” da figura de Álvaro Cunqueiro e nesta ocasión quixeron poñer en valor “o vencello histórico que une a Editorial Galaxia e os seus fundadores co escritor mindoniense, pois foi neste selo editor onde veu a luz a meirande parte da súa obra e aínda hoxe continúa a publicarse”.

Dende a organización lembran que a Editorial Galaxia, que neste 2025 celebra o 75 aniversario da súa fundación, tivo un “papel decisivo” na recuperación literaria de Cunqueiro na posguerra, “pois nela apareceron algúns dos títulos maiores do autor, como Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Escola de menciñeiros (1960) ou Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961), e xa nos derradeiros anos do escritor Xente de aquí e acolá (1971), Os outros feirantes (1979) e a súa Obra en galego completa (1980)”.

Engaden que en tempos máis recentes Galaxia reeditou estes e outros títulos na Biblioteca Álvaro Cunqueiro, “aos que sumou compilacións da súa poesía, teatro e articulística e, na súa división de Mar Maior, a reedición de El año del cometaFlores del año mil y pico de ave, a versión castelá Merlín y familia e mais Vida y fugas de Fanto Fantini”.

Esta distinción á Editorial Galaxia tamén busca recoñecer a do proxecto, como Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Xaime Illa Couto ou Domingo García-Sabell, quenes dende os seus inicios apoiaron a escrita e a proxección autorial de Álvaro Cunqueiro.

Novena edición

A Editorial Galaxia é a novena proposta homenaxeada desde que se instituíu este galardón e foi elixida por unha comisión formada por César Cunqueiro, fillo do escritor; Claudio Rodríguez Fer, Cunqueiriano de Honra na anterior edición; Alberto García Fernández, concelleiro de Cultura; Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo; Abel Vigo García, técnico de Cultura; Miguel González Somovilla, xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro, e Armando Requeixo, coordinador da Casa Museo Álvaro Cunqueiro

O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro ven consolidada a traxectoria destes nomeamentos, que en anteriores edicións recoñeceron a Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes, Rexina Vega, César Antonio Molina ou Manuel Lourenzo. O recoñecemento acompáñase dunha placa e dun diploma.

Comparte nas túas redes sociais ou por email