A revista GRIAL sempre centrada no futuro

Categoría: Nova

Non quixo faltar ninguén. E o auditorio da Fundación Novacaixagalicia de Santiago ficou pequeno para dar cabida aos amigos e amigas que quixeron compartir coa revista GRIAL a celebración do seu medio século de existencia. Os codirectores, Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo abriron e pecharon un acto conducido pola escritora e xornalista María Solar, que foi dando paso aos moitos convidados que deitaron as súas reflexións sobre a revista decana da cultura galega que, como Freixanes e Monteagudo lembraron, resiste porque ten "uns alicerces moi fortes e elevados, os dos fundadores" pero que quere navegar tamén nas augas do século XXI.
O acto, emotivo e intenso, tivo como derradeiro convidado ao uso da palabra a un dos autores que participou no número 3 da publicación (prohibida logo polo franquismo), un Xesús Alonso Montero que explicou que aínda que el non cre nos milagres, "é obvio que a existencia e a persistencia de GRIAL é unha milagre".
Dende a pantalla de vídeo fóronse escoitando as distintas adhesións dende distintos lugares do mundo. Unha das grandes vocacións de GRIAL foi sempre a súa universalidade, a vocación integradora de todas as ciencias, traer aos grandes investigadores e humanistas ás súas páxinas. Por iso era necesario escoitar as voces de moitas e moitos colaboradores da revista espallados polo mundo. Dende un Tavanni que dende Roma contaba que estivera o seu nome no número 1, logo no 100 e agora no 200, a un Basilio Losada que contaba como nos primeiros anos esperaba con ansiedade a saída de GRIAL, "a mesma ansiedade con que a espero agora", a unha Valéria Gil dende Brasil, Débora Campos en Bos Aires e outras moitas e moitos que non quixeron deixar pasar a oportunidade de darlle os parabéns á nosa revista.
Protagonismo especial tiveron os colaboradores máis mozos da revista, que tamén tomaron a palabra. Como ben explicou Víctor F. Freixanes, a idea é que as novas xeracións poidan coller no seu día o relevo. María López Sandez (ensaísta, narradora, Premio Ramón Piñeiro de ensaio e Premio de novela Repsol), Xurxo Martínez (historiador da literatura, a edición e o xornalismo do Rexurdimento), Iolanda Casal (xornalista) e Antonio García Fernández (arquitecto, editor e profesor) deixáronnos verbas de agarimo, pero tamén interesantes reflexións para o futuro.
Rematado este acto (do que no blogue deixamos cumprida galería fotográfica) queda aboiando no aire a fermosa sensación de que a pesar das dificultades, en medio século, xuntámonos de novo para seguir soprando nas velas de GRIAL.
(Dende o noso blogue podes acceder ao acto completo en streaming)

Comparte nas túas redes sociais ou por email