A poesía como "Acusación"

Categoría: Nova

A carpa do paseo central da Alameda acolleu a presentación do novo poemario de Xiana Arias Rego, a quen acompañaron os tamén poetas Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Manuel Darriba, escritor e xornalista.

Foi un acto emotivo, intenso, entre amigos que escoitaron atentos as palabras e os silencios de Xiana, marcada a súa voz -clara, limpa, doce e potente ao mesmo tempo- polo ritmo dun ovo de percusión.

Trátase dun poemario con textos que acusan de quedar na intención, que amosan a dificultade de actuar. A partir desa constatación, Xiana Arias Rego fai da linguaxe poética receptáculo de marcas: frieiras, mazaduras e varices. O poema sinala a fenda pola que cómpre mirar, abre a palabra ao non aprendido. Non para impoñerse como discurso senón para expoñerse como voz. Sen pretensión de entretemento, sen que sirva para decorar. ¿Que é o que nos falta, que é o que nos doe para necesitar a poesía?

Xiana Arias Rego (A Fonsagrada, 1983), xornalista cultural, é unha das voces máis salientábeis da nova promoción de poetas en Galicia dende que publicou Ortigas, polo que recibiu o Premio de Poesía Xosé María Pérez Parallé no ano 2007.

Comparte nas túas redes sociais ou por email