A necesaria continuidade de Grial

Categoría: Opinión

No mundo da globalización, debido á presión á que están sometidas as linguas e culturas minoritarias e co nacemento de novas formas e canles de comunicación, vemos con dificultade a supervivencia, o vivir e convivir da nosa lingua e cultura.

Como xa dixo Ramón Piñeiro en 1963 “A revista Grial, verdadeiramente facía moita falta, por ser o gran vehículo para irmos incorporando á xente nova que vai aparecendo …”. Esta cita, segue a estar vixente e ser a clave e o gran reto para a permanencia e continuidade da revista.

As etapas polas que leva pasado Grial ao longo de medio século de vida, axudaron sen dúbida a súa supervivencia, por iso na actualidade segue buscando novas canles que manteñan viva unha publicación que fala en galego de cultura galega. O novo deseño e presentación de Grial, a súa presenza nas novas formas de comunicación (plataformas dixitais, redes sociais, etc.) e ao dar entrada a novos valores, tendencias e expresións socioculturais, axudará á tan necesaria continuidade e a seguir cumprindo co obxectivo para o que naceu a revista.

Cabe destacar nunha data tan importante como é a publicación do exemplar número 200, o gran labor de difusión da cultura galega e a integración da cultura universal no noso país, por parte dunha revista sen dúbida referente, que nos achega ao debate e a manter vixente o interese pola nosa lingua e cultura.






Comparte nas túas redes sociais ou por email