Cun cheo total no auditorio da casa de cultura de Bertamiráns (Ames), Xosé Manuel G. Trigo presentou no val da Mahía Viaxes do corazón, rodeado de amigos, antigos alumnos do instituto onde durante anos impartiu docencia e vellos compañeiros de claustro. O poeta Xosé María Álvarez Cáccamo e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, acompañaron ao autor no acto de presentación.

Álvarez Cáccamo falou da "lírica das cousas pequenas", a ollada sensible e esclarecedora que o autor deita sobre a realidade, "coma o lente de microscopio enriba da pinga de auga, microcosmos que explica o macrocosmos, o local que se fai universal".

Igual que en libros anteriores seus (Extintos básicos, Reserva especial), Trigo constrúe un mundo persoal e poético que ten un pé na memoria (os territorios da península do Morrazo, á beira do mar de Vigo) e outro pé no presente (Santiago de Compostela, o val da Amaía, os amigos, as lecturas, as pequenas viaxatas polo país), mais que se afirma na realidade próxima, mesmo nas cousas aparentemente máis pequenas ("unha estilográfica que ten hemorraxias") para explicar os grandes sentimentos, as emocións básicas, o mundo dos afectos, a amizade, a vida…

"Sen grandilocuencia, cun control exquisito da páxina e mesmo da liña", explicou Álvarez Cáccamo, "Trigo constrúe unha mirada orixinal, inconfundible; unha ollada poética sobre o mundo, na que nos recoñecemos e coa que nos emocionamos".

Houbo unha lembranza especial para o pai e a nai do autor, que faleceron no período que se recolle no Diario, "aínda que non se trata dun diario forense, ocupado en describir os detalles da realidade e das cousas que nos acontececen", explicou o autor, "senón un diario íntimo (e tamén ínfimo, pola súa extensión e concisión), un diario dende as emocións do ser humano, máis con anécdotas, con historias, nun país que non ten tradición neste xénero". Xénero no que, nembargantes, o autor seica se sente ben a gusto. "Levo escribindo diarios deste tipo dende que empeceu ir ao colexio, con once anos. De publicalos todos enchería máis de mil cincocentas páxinas. Espero que os lectores e as lectoras saiban disculpar este atrevemento".

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR