A grande evasión

Categoría: Opinión


Miro pola fiestra e fuxir semella a opción máis axeitada. Podemos fuxir de xeito literal, fagamos a mesma maleta que cruzou o Atlántico e poñamos terra de por medio á procura dun novo Shangri-La no que floreza o emprego e abunden os dereitos (postos no caso, isto é, de que tal lugar mítico exista de certo). Podemos, tamén, fuxir montados na metáfora. Eu prefíroo. Prefiro quedar aquí e remar, mentres fuxo no sitio, entre músicas e fronte a filmes. Prefiro mergurllame en historias en negro sobre branco que garden entre as súas liñas novas dimensións, menos convulsas, novos mundos soñadores, verdecentes.

E se cadra é o momento, pois semella que nesta bazofia insultante que nos rodea, na que aboiamos con resignación, na que nadamos contra corrente (moi a pesar do que din esas voces da idade, da razón, que parecen vernos quedos e silandeiros cando de certo nos arriscamos non só a berrar, senón a nos namorar cando nos caen os tellados na testa), neste mundo contrariado agroman con ledicia no noso imaxinario novos mundos, creados ad hoc para a evasión. Permitídeme, pois, non fuxir. Prefiro quedar de vacacións en Landereina, e pasar as pontes en Narnia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email