A Fundación Penzol recoñecida pola AELG

Categoría: Nova

Dentro dos premios da AELG que se fallaron o pasado sábado, a Fundación Penzol levou un dos máis importantes, ao ser recoñecida no apartado de Institucións. É este un galardón que se outorga a unha institución que se se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega. Este ano foi para a Fundación Penzol, por ser un proxecto de país, creado para permanecer e dar ás novas xeracións o noso legado cultural, e que chanta as súas raíces na necesidade de crear unha biblioteca e un centro de documentación e de estudos da nosa lingua e da nosa literatura. A Fundación Penzol leva achegado ao longo de case que medio cento de anos froitos xenerosos e necesarios á cultura do noso país, pois o seu carácter aberto acolle a todos os investigadores e investigadores que aos poucos van deitando a necesaria luz sobre a historia cultural de noso.
O premio foi recollido polo seu actual director, Francisco Domínguez, quen fixo semblanza de Fermín Penzol e do seu compromiso a prol do país, ao tempo que repasou a historia da Fundación e o contributo esencial do Grupo Galaxia para o seu mantemento e crecemento ao longo da historia. Evidentemente, houbo tamén sentidas palabras de agradecemento a Francisco Fernández del Riego quen durante tantas décadas asumiu a direción da institución.

Comparte nas túas redes sociais ou por email