A forza que vén de lonxe

Categoría: Opinión

O Nadal é tempo de bos desexos que intercambiamos coas persoas significativas na nosa vida. Despois da resaca sempre queda o pouso e en min seguen a latexar as liñas trazadas dende puntos distantes do globo, dende Indonesia a Alemaña, pasando por Euskadi e Madrid, para afastárense ata Finlandia ou Brasil. Os elos únense porque teñen en común a lingua, o galego, que non entende de equinoccios, nin de fronteiras, que non sabe de relixións, nin de tons de pel, só de sentimentos e de compromiso. Os Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros, que dende hai vinte e tres anos se veñen celebrando en Compostela, teceron boa parte deses lazos lingüísticos. Cada ano participan ó redor dun cento de persoas que son semente que deita froito con moita xenerosidade, sen prexuízos, sen complexos e con miradas arrequecidas coas súas propias culturas, coas súas maneiras de descifrar o mundo.

Os agasallos de Nadal poden atoparse tamén neste blog, foi o que pensei cando lin que unha antiga alumna dos cursos traduciu á súa lingua, ó húngaro, un conto de Cunqueiro. A mesma alegría sentín ó atopar enriba da miña mesa a tradución, aínda inédita, ó italiano, de Cousas, de Castelao. O rapaz que a realizou contábame, con incredulidade, que os seus profesores da Universidade de Sevilla, onde está de Erasmus, non coñecían o autor do Sempre en Galiza e como se estrañaron de que el aprendese galego antes ca castelán. Non son exemplos illados, autores actuais como Antón Riveiro Coello ou Rosa Aneiros xa se poden ler en italiano e en castelán, respectivamente, grazas a antigos alumnos do curso. A nómina de traducións é moito máis nutrida, pero as maneiras de contribuír ó país son tan diferentes como enriquecedoras. Calquera pode comprobalo se busca na rede A Xanela, un vídeo realizado dende a óptica dunha rapaza rusa, que na súa versión curta sería un dos mellores anuncios realizados a favor da nosa lingua.

No seu día a día en Galicia son intransixentes no uso do idioma, o que ofrece unha imaxe sorprendente para moitos galegos, que aínda non son quen de entender como hai persoas no Xapón, en Barcelona ou nos Estados Unidos que dedican o verán a aprender a nosa lingua. Lembro este ano un xantar en Tui, o persoal do restaurante era reticente a falar galego, pero claudicou ante o entusiasmo dos alumnos.

Esta forza que vén de lonxe e que xunta enerxías en Compostela non só interpreta o país no que vivimos, contribúe a universalizalo con miradas limpas e abertas. Para todos eles hai un paraíso no fin do mundo que se chama Galicia, pero para todos os galegos hai fogares no mundo grazas á nosa lingua. Aínda que xa pasou o Nadal, este é o meu pequeno agasallo para todos os nosos brigadistas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email