A obra de Carlos Labraña e representada pola prestixiosa compañía Tanxarina está baseada en personaxes da literatura infantil de Editorial Galaxia
Esta función percorrerá toda a xeografía galega en centros de ensino, concellos e bibliotecas
Este martes 11 de marzo, celebramos, ás 12 horas, sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo, entidade colaboradora nesta produción, a estrea do espectáculo “A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica”, unha obra de Carlos Labraña, representada pola compañía de monicreques Tanxarina.
O evento contou coa participación de Luísa Sánchez Méndez, vicepresidenta 2ª da Deputación de Pontevedra, Carlos Labraña, dramaturgo, e Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia.
Este proxecto únese á celebración do 75 aniversario da Editorial Galaxia, levando a función a diferentes centros de ensino de Galicia. Esta iniciativa ten como obxectivo achegar o teatro ao público escolar, promovendo a reflexión sobre a intelixencia artificial a través da literatura e a creatividade.
Nesta montaxe teatral que nos ofrece Tanxarina, o rato que coida da Biblioteca Galáctica descobre que unha ameaza se torna sobre os personaxes dos libros infantís dos seus andeis. Nunha loita contra o reloxo, o rato bibliotecario Ramón Lamote e Sara deberán loitar contra o malvado profesor Smith e a súa IA fantástica para liberar os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado, de Fina Casalderrey, da súa maléfica influencia. Estas personaxes pertencen a autores clásicos da nosa literatura como Paco Martín, Fina Casalderrey, Carlos Casares, ou Xosé Neira Vilas.
Nesta disparatada e trepidante comedia hai aventuras, cancións e moito humor co que a rapazada rirá ás gargalladas. A adaptación teatral da novela de Carlos Labraña é un canto á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía.