Deste xeito, o Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, que acadaba neste 2017 a súa decimosétima edición, e que estaba considerado un galardón de referencia para os novos narradores en Galicia (podían concorrer obras de creadores entre os 18 e os 35 anos), convértese nun premio de novela que buscará tamén o talento senlleiro e que non esquece a súa orixe, nin tampouco o seu referente: os viadutos ferroviarios, que desta volta se integran nun deseño gráfico novidoso e rompedor.
Poderán participar no Premio Viadutos aquelas autoras e autores maiores de 18 anos que teñan unha novela inédita que supere as 100 páxinas. O premio está dotado con 3.000 euros e a obra gañadora será publicada na colección Literaria da Editorial Galaxia. O prazo para a recepción de orixinais estará aberto ata o 30 de marzo de 2018 e o fallo darase a coñecer no mes de maio. A entrega do premio terá lugar no Concello de Redondela coincidindo coa presentación da obra premiada.