Nova edición do primeiro título da saga de Harry Potter para unha nova xeración de lectores e lectoras

Categoría: Nova

Xa está aquí a nova edición de Harry Potter e a pedra filosofal, de J. K. Rowling, coa que Galaxia completa a colección dos sete títulos da saga en galego.

O libro que deu inicio ás aventuras extraordinarias que atraparon a millóns de nenas e nenos de todo o mundo regresa para achegar a maxia de Hogwarts a unha nova xeración de lectores e lectoras.

A obra está traducida ao galego por Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa por As malas mulleres (Editorial Galaxia, 2021).

Harry Potter quedou orfo no momento mesmo do seu nacemento e vive cuns tíos e un curmán que non o tratan demasiado ben. Pero un día chégalle unha carta na que se lle anuncia o seu ingreso en Hogwarts, unha especialísima escola de maxia e artes secretas. A partir dese momento todo cambia na vida de Harry, que vivirá extraordinarias aventuras en compañía dos seus amigos Hermione e Ron Weasley.

Coa chegada desta nova edición, xa se pode gozar da colección completa das aventuras de Harry Potter en galego.

J. K. ROWLING é autora da popular saga de libros de Harry Potter.

Despois de que a idea se lle ocorrese nunha viaxe en tren atrasado en 1990, axiña comezou a bosquexar e redactar a historia dos sete libros. O primeiro, Harry Potter e a pedra filosofal, sairía ao mercado no Reino Unido en 1997. Tras dez anos de traballo, en 2007 publicou Harry Potter e as reliquias da morte, o derradeiro libro da colección.

©Debra Hurford Brown

Para ampliar a serie, Rowling escribiu tres volumes complementarios: Quidditch Through the Ages, Fantastic Beasts and Where to Find Them e The Tales of Beedle the Bard, en apoio a Lumos, organización benéfica comprometida coa infancia que ela mesma fundou. Tamén contribuíu á creación da obra teatral Harry Potter and the Cursed Child, que foi publicada como guión.

Os seus libros infantís inclúen tamén os contos de fadas The Ickabog (2020) e The Christmas Pig (2021), que se converteron en best-sellers. Ademais é autora de novelas para público adulto, incluída a serie de novela negra Cormoran Strike, publicada baixo o pseudónimo de Robert Galbraith, que foi todo un éxito de vendas

J.K. Rowling recibiu numerosos premios pola súa obra escrita. Mediante a súa fundación benéfica Volant, apoia diversas causas humanitarias.

Para saber máis sobre a autora, visita www.jkrowlingstories.com

Comparte nas túas redes sociais ou por email