Un rapaz consegue refuxiarse no soto da súa casa durante un bombardeo. É o único da súa familia que logrou poñerse a salvo. Só, asustado e desorientado, descobre que unha das bombas quedou sen explotar. A situación complícase coa chegada dunha soldado inimiga que tamén busca protección. Está gravemente ferida e necesita axuda para sobrevivir.
O rapaz enfróntase entón a unha decisión difícil: axudala ou deixala morrer? Que significa ser inimigo cando a vida dunha persoa está nas nosas mans?
A partir desta situación, Carlos Labraña constrúe unha historia que convida a reflexionar sobre as consecuencias da guerra, o medo, a empatía e os límites entre o ben e o mal. Unha proposta teatral que pon o foco nas decisións humanas en situacións extremas e cuestiona a maneira en que entendemos a amizade e a inimizade nun conflito bélico.
Sós foi recoñecida co IX Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño 2026.
Carlos Labraña é dramaturgo especializado no teatro para a infancia e a xuventude. Nese eido acadou numerosos premios, como o Manuel María, o Estornela, o Facho e o SGAE Infantil con obras que se len e representan de maneira habitual en escolas e institutos. Entre as súas pezas podemos salientar: O valo, sobre o drama dos refuxiados; Estrelecer, unha reivindicación feminista; Mambrú volveu da guerra, unha fábula sobre a recuperación da memoria histórica democrática; O carteiro de Ximaraos, que nos fala do alzhéimer, e Iceberg, sobre o cambio climático. Participa activamente en asociacións para a promoción do teatro galego.