O economista, intelectual e histórico referente do galeguismo, que dirixiu a colección Alén-Nós e publicou con Galaxia algunhas das súas obras máis relevantes, faleceu aos 90 anos.
Editorial Galaxia lamenta profundamente o falecemento de Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago de Compostela, 1936-2026), figura destacada do pensamento galego contemporáneo, cunha ampla traxectoria nos ámbitos académico, cultural e político.
Nado no seo dunha familia de militancia galeguista, estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e Ciencias Económicas en París e Londres. Foi subdirector da Revista de Economía de Galicia e catedrático de Estrutura Económica na USC.
A súa vinculación con Editorial Galaxia foi especialmente significativa. Dirixiu a colección Alén-Nós e publicou obras como El problema del desarrollo en la Galicia rural (1967) e O atraso económico de Galicia (1972), un ensaio de referencia para o estudo da realidade económica galega.
En 1973 participou tamén na edición de La economía gallega en los escritos de Pedro Antonio Sánchez, para a que elaborou un estudo introdutorio. A súa relación coa editorial estendeuse á revista Grial, coa que colaborou ao longo da súa traxectoria.
En 2012, Galaxia publicou Á beira de Beiras. Ensaios e apuntamentos, unha obra colectiva de homenaxe á súa figura e á súa contribución ao pensamento galego.
No ámbito político, participou na fundación do Partido Socialista Galego (PSG) en 1963 e foi membro fundador do Bloque Nacionalista Galego (BNG), formación da que exerceu como voceiro nacional entre 1982 e 2003.
A súa obra e a súa traxectoria deixan un importante legado na historia contemporánea de Galicia. Desde Editorial Galaxia queremos lembrar especialmente a súa contribución ao noso proxecto editorial e o seu compromiso co coñecemento e coa cultura galega.