Enmarcado nun proxecto literario chantado na memoria histórica e as violencias sociais, Terra baixo as uñas convócanos a determinados lugares –Madrid, Valencia– impactados por balas, obuses, alagamentos, exilios… A través dunha escrita aberta en canle e tamén carnal, a autora realiza un exercicio de escavación que, ao tempo que se pensa a si mesmo, desenterra historias, exhuma corpos, reivindica acontecementos e recupera nomes.

A andaina poética de Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) iniciábase a finais da década dos anos noventa coa publicación de Catálogo de velenos (Premio Esquío) e continuaba con Abecedario de árbores (2006) e Mudanzas (Premio PEN–
-Caixanova, 2007) —volumes recollidos en Mudanzas e outros velenos (Galaxia, 2017)— ou Desescribindo (2016). Entre as súas achegas no eido da narrativa destacan As malas mulleres (Galaxia, 2021), novela recoñecida co Premio Eduardo Blanco Amor e co Premio Nacional de Narrativa, e As bocas cosidas (Galaxia, 2025), co que este poemario dialoga.