Conferencia: “Asasinato no muíño do cura: Unha intriga brutal na Galicia profunda”, en Vigo

Categoría: Nova

O luns 28 de setembro, ás 20 h, o MARCO de Vigo acollerá un encontro con Arantza Portabales arredor da súa nova novela, Asasinato no muíño do Cura. Baixo o título “Asasinato no muíño do cura: unha intriga brutal na Galicia profunda”, a cita está organizada polo Club Faro e contará tamén coa participación da escritora Inma López Silva.

Arantza Portabales regresa con Asasinato no muíño do Cura, a nova entrega da serie ‘Os crimes de Loeiro’, iniciada con Asasinato na casa rosa, que vén de reimprimirse por sexta vez.

Nesta ocasión volvemos a Loeiro, onde unha matanza acontecida en 1984 no muíño do Cura estende as súas consecuencias ata o presente. Alba Mariño chega á vila na procura de respostas sobre un pasado que lle roubaron e do que descoñece todo, agás a marca que deixou na súa vida.

Santaclara e Araujo, coa colaboración de Sinda, a Gestapo, axudarán a Alba a desentrañar o misterio arredor do seu pasado. Na súa investigación baterán coas irmás Freijomil, netas do cura, e coa vella historia da morte da súa sobriña Berta cando era nena, un crime que nunca chegou a resolverse.

O pacto de silencio entre os veciños irá rachando pouco a pouco ata desembocar nun final que fai tremer os cimentos da vila.

Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) iníciase como escritora no ano 2015 cun libro de microrrelatos en castelán, A Celeste la compré en un rastrillo. Ese mesmo ano, coa súa primeira obra en galego, Sobrevivindo (Galaxia), acada o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. A súa segunda novela, Deixe a súa mensaxe despois do sinal (Galaxia, 2017), foi traducida ao castelán, italiano, hebreo e alemán, adaptada ao teatro e obtivo o Premio Novela Europea do Casino de Santiago. Beleza vermella (Galaxia, 2019), un dos títulos máis lidos da novela policial galega, acadou o Premio Frei Martín Sarmiento e está protagonizada polo inspector Abad e a subinspectora Barroso, que en 2021 regresan en A vida secreta de Úrsula Bas. En 2023 publicou O home que matou a Antía Morgade e, tras a espectacular acollida das súas anteriores novelas negras, iniciou a serie “Os crimes de Loeiro”, protagonizada por Santaclara & Araújo, con Asasinato na casa rosa (Galaxia, 2024).

Comparte nas túas redes sociais ou por email