O primeiro reino de Europa, a primeira escritora de Occidente, un meigo que acabou sendo bispo, mosteiros agochados no bosque, rebelións que derrubaron fortalezas, unha raíña coroada despois de morta ou unha muller que cruzou o Pacífico ata converterse na primeira almiranta da historia.
Poderían parecer relatos de ficción, pero todos son reais e aconteceron en Galicia.
Galaxia publica Unha historia de Nós, de Pablo Diego Dios e con ilustracións de Agustina Shuan, unha nova incorporación á colección Lanterna de Aristóteles que propón achegarse á nosa historia a través dalgúns dos seus episodios, personaxes e acontecementos máis sorprendentes.
Unha forma de achegarse á historia desde a curiosidade e de volver mirar cara ao pasado para descubrir todo aquilo que tamén forma parte de nós.
Pablo Diego Dios (Pontevedra, 1998) é graduado en Socioloxía e en Relacións Internacionais e mestre en Desenvolvemento Económico pola Universidade Complutense de Madrid, a Universidade Iaguelónica de Cracovia e a Universidade de São Paulo. Fundou e preside a revista cultural O Ferrado e, entre as súas publicacións, figuran a novela Alén (2020, Premio á Preservación da Lingua e a Cultura Galega) e as obras colectivas Un país en pensamento (2025) e A pesar dos pesares (2026).
Agustina Shuan (Buenos Aires, 1988) é deseñadora gráfica e ilustradora formada na Universidade Pública de Buenos Aires. Afincada en Galicia dende hai máis de dez anos, traballa de forma freelance no ámbito do deseño, a ilustración e a dirección creativa dende Santiago de Compostela.