Presentación “Memorias dunha terra”, en Vigo

Categoría: Nova

O venres 11 de setembro, celebrarase, ás 19:30 h, na Fundación Penzol – Casa Galega da Cultura, en Vigo, a presentación de Memorias dunha terra, de Xosé María Castroviejo.

No acto, participarán María Castroviejo, filla do autor; Patricia Arias Chachero, conselleira de Editorial Galaxia; e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.

Publicada orixinalmente en 1973, Memorias dunha terra reúne unha colección de relatos nos que Xosé María Castroviejo recupera lembranzas da súa nenez e primeira mocidade na comarca da Ulla.

Desde a madurez, o autor evoca ese tempo cunha mirada melancólica, pero afastada da amargura, a través dunha prosa brillante e de gran plasticidade. Vivencias, situacións e personaxes convértense así en materia literaria e constrúen unha obra amable e serena, marcada pola memoria e polo paso do tempo.

A edición conta cun introito de Álvaro Cunqueiro.

XOSÉ MARÍA CASTROVIEJO (Santiago de Compostela, 1909-Tirán, Moaña, 1983) estudou Filosofía e Letras e Dereito, para se dedicar despois ao xornalismo, chegando a dirixir El Pueblo Gallego, que tivo que deixar en 1955 por negarse a someterse ás directrices da censura franquista. Poeta, narrador, ensaísta, conferenciante e dramaturgo, é autor dunha abondosa obra en castelán, da que cómpre salientar o poemario Mar del Sol. Poemas de un diario de a bordo (1940), e a recreación da figura de Benito Soto en La burla negra (1955), así como as súas colaboracións con Cunqueiro en Teatro venatorio y coquinario gallego (1958) e Viaje por los montes y chimeneas de Galicia (1962). En 1964 publicou, en galego, Tempo de outono e outros poemas, onde se aprecia o seu gusto polos aspectos sensoriais e unha poética que vai do imaxinismo de Amado Carballo á simboloxía mariña de Manuel Antonio.

Comparte nas túas redes sociais ou por email