Setembro chega a Editorial Galaxia con seis novas lecturas que nos levan da novela negra á filosofía, da memoria da emigración á historia de Galicia, pasando por propostas de literatura infantil que falan das emocións, da convivencia e da relación coa tecnoloxía.
Buscando a Dalia, de Miguel Anxo Fernández
Frank Soutelo regresa na súa oitava aventura para investigar a desaparición de Dalia Maxino, un caso marcado pola aparición de varios cadáveres, os segredos dunha vila, a intolerancia social, os intereses inmobiliarios e o comercio clandestino de moedas históricas. Unha nova novela negra de prosa áxil, diálogos enxeñosos e ritmo cinematográfico coa que Miguel Anxo Fernández confirma a Soutelo como un dos detectives máis destacados da literatura galega.
Por que a filosofía, de Brais González Arribas e Abraham Rubín Álvarez
Que pode achegarnos a filosofía nun presente marcado pola intelixencia artificial, a crise ecolóxica, o exceso de información e a transformación das nosas formas de vida? Brais González Arribas e Abraham Rubín Álvarez, profesores e investigadores da Universidade de Vigo, propoñen un percorrido rigoroso e accesible polos grandes problemas do pensamento contemporáneo. Un libro para aprender a formular preguntas, mirar a realidade doutro xeito e comprender mellor quen somos.
Arxentina inmensa, de Xavier Alcalá
A Arxentina forma parte de innumerables historias persoais e familiares de Galicia. Neste libro, Xavier Alcalá recolle o aprendido ao longo de cincuenta anos de relación co país, que percorreu desde La Quiaca ata Ushuaia por motivos familiares e profesionais. Unha obra dirixida aos galegos de aquí e de alá que nos convida a descubrir os territorios, as historias e os recantos máis afastados da República Austral.
Vida en rede, de Ana Rodicio, con ilustracións de Alba Chan
Serxio está farto de posar para as redes sociais da súa nai, de que o seu pai pase as noites xogando co móbil e de que os seus compañeiros estean sempre a fachendear. O que parecía que ía ser unha tranquila tarde diante do seu videoxogo favorito convértese nunha sucesión de emocións e contratempos que o poñerán a proba. Unha historia próxima e actual sobre a vida en familia, as relacións entre compañeiros e a presenza das pantallas no noso día a día.
Unha historia de Nós, de Pablo Diego Dios, con ilustracións de Agustina Shuan
O primeiro reino de Europa, a primeira escritora de Occidente, un meigo que chegou a ser bispo, revoltas populares, fortalezas derrubadas, guerreiros, raíñas e mulleres que atravesaron océanos. Pablo Diego Dios recupera episodios e personaxes reais da historia de Galicia que parecen saídos da ficción. Un libro ilustrado para descubrir unha historia fascinante que aconteceu moito máis preto do que pensamos.
Folerpas no mar, de María Xesús Blanco, con ilustracións de Sheila Broullón
Zahi vive coa súa nai e agarda as visitas do seu pai, que pasa longas tempadas traballando no buque Sálvora. Na escola comparte xogos cos seus amigos, pero tamén debe facerlle fronte a uns abusóns que mesmo aparecen nos seus soños. Durante unhas vacacións de decembro na aldea de Buxaina, unha intensa nevarada, os seus avós e a cadela Furna acompañarano nunha aventura chea de emocións inesperadas. Unha lectura sobre a familia, a amizade, os medos e a capacidade de superalos.