Hoxe, mércores 27 de maio, celebrouse, no Auditorio da Biblioteca Municipal Victoriano García Martí, na Pobra do Caramiñal, o acto de entrega do VIII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro 2025 a Daniel Landesa pola súa obra Nenapingüín.
No acto, participaron, Patricia Lojo, concelleira de cultura; Encarna Pego, membro do xurado; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Nenapinguin, ilustrado por Miki Momochi, é unha historia chea de imaxinación, humor e sensibilidade que convida a mirar o mundo cos ollos da infancia. A novela parte dunha pregunta tan sinxela como poderosa: “Imaxinas subir a unha árbore e que todo cambie para sempre? Ata o teu nome?”. A partir dese momento, a protagonista convértese en Nenapingüín e inicia unha aventura que transformará a súa vida para sempre.
Daniel Landesa (Barrio de Coia, Vigo, 1976). Filólogo de formación, traballa no campo da publicidade e da edición. Leva escribindo e impulsando proxectos literarios desde a súa época universitaria. É un dos fundadores do colectivo Poetas da Hostia, creadores dos recitais-combate A hostia en verso, o espectáculo Poxa de poetas. Vendo a miña alma e o exercicio de escrita en directo O seu poema, grazas. Como autor de poesía, publicou Gallaecia (2001), Da casa nova (2014) e Ningún paxaro exótico (2017). En narrativa é autor das novelas Penumbra (2019) e Caramomia (2024), escrita xunto con Hematocrítico, Ledicia Costas e María Lado. Tamén é coautor do álbum ilustrado Unha sorpresa para Goruk (2012), ilustrado por María Longa, un dos primeiros contos animados en galego. No eido da crítica, fundou a Revista Criaturas, hoxe cunha segunda vida dentro da Asociación Galega da Crítica, onde é parte do Consello Editorial.
Miki Momochi (Carolina Nickelle Lois) (O Brasil, 1996). Desde pequena sentiu unha gran paixón pola arte e os videoxogos, tanto que se formou en Ilustración na Pablo Picasso da Coruña, onde o seu traballo de fin de estudos foi recoñecido co premio San Amaro ao mellor proxecto de ilustración. Ao rematar, e coa chegada a Galicia da carreira de Creación Dixital, Animación e Videoxogos, uniuse á primeira promoción para perseguir o seu soño de crear videoxogos. O seu proxecto final, Gelatina is Hungry, recibiu varios premios, entre eles o de Mellor Arte nos OUFF 2024. Ao rematar a carreira, fundou o estudio Under Castle, dedicado ao desenvolvemento de videoxogos.
Paralelamente, colaborou con varios fanzines internacionais centrados en videoxogos e anime, como Home is where the Hearts is, Untameable e Spellweaver, entre outros. Na actualidade combina ás súas dúas paixóns: a ilustración e os videoxogos, traballando como ilustradora e desenvolvendo os seus propios videoxogos independentes.
Ilustrou Cando o mundo é azúl (Galaxia, 2025), de Óscar Reboiras, Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro 2024.