“Un país ilustrado” revisa a memoria visual de Galicia a través das cubertas de Editorial Galaxia

Categoría: Nova

O novo volume Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia, en edición de Hayat Husein, recolle e amplía o espírito da exposición celebrada no MARCO de Vigo, converténdose nun percorrido pola historia gráfica, cultural e editorial de Galicia a través das cubertas da editorial ao longo dos seus 75 anos.

A publicación funciona non só como catálogo da mostra, senón tamén como unha peza editorial con identidade propia, pensada para reflexionar sobre o papel das cubertas como parte da memoria visual do país. O libro inclúe textos de Miguel Fernández-Cid, director do MARCO; do comisario da exposición, Xurxo Martínez; de Manolo Janeiro; e da deseñadora Hayat Husein, responsable da dirección creativa do proxecto.

“Interesábanos construír un percorrido gráfico dos 75 anos da editorial Galaxia, mostrando como as cubertas tamén foron construíndo unha imaxe contemporánea do país”, explica Hayat Husein. A deseñadora subliña ademais que o catálogo nace “coa vontade de prolongar e expandir a experiencia da exposición”, entendendo as cubertas “non só como elementos gráficos ou comerciais, senón como parte da memoria visual e cultural de Galicia”.

O volume organiza ese percorrido en distintas galerías cronolóxicas que permiten observar a evolución estética da editorial, desde o universo gráfico de Xohán Ledo ata as propostas máis contemporáneas. Tamén incorpora unha sección inédita arredor da figura do editor, asinada por Marcos Calveiro, así como un apartado dedicado ás “portadas que non foron”, propostas descartadas durante os procesos creativos.

A exposición Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia, celebrada no MARCO ata o pasado 17 de maio, serviu como punto de partida desta publicación. Segundo o seu comisario, Xurxo Martínez, a mostra buscaba “poñer en valor o traballo, o oficio do deseño”, entendido como “un traballo intelectual” capaz de atraer a atención do público lector e, ao mesmo tempo, dialogar co contido do libro.

Inauguración de la exposición “Un Pais Ilustrado” en el Museo MARCO de Vigo

Martínez destacou tamén a importancia de establecer pontes entre distintas disciplinas artísticas: “Creo que é importante poñer en común o traballo cultural e da arte, en xeral”. Nese sentido, a exposición combinaba libros e obras pictóricas para favorecer o diálogo entre públicos distintos e reivindicar o deseño editorial como parte dun ecosistema visual e artístico máis amplo.

O libro pecha así unha proposta cultural que foi máis alá da exhibición expositiva, converténdose nun exercicio de memoria colectiva arredor do deseño, da edición e da cultura. Porque, como sinala Hayat Husein, “as cubertas non son só un envoltorio; son tamén fragmentos da memoria visual dun país”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email