No centenario de Xohán Vicente Viqueira

Categoría: Nova

O 29 de agosto cumpríronse cen anos da morte, aínda ben novo, de Xohán Vicente Viqueira (Madrid, 1886-Bergondo, 1924), relevante intelectual galeguista do pasado século. Nado no seo dunha familia galega de orixes betanceiras, culta e liberal, formouse en Madrid na Institución Libre de Enseñanza, da man de Francisco Giner de los Ríos, e en varias universidades de Francia e Alemaña, onde entrou en contacto con notables figuras das máis avanzadas correntes europeas da filosofía e da psicoloxía experimental. De volta en Galicia, impartiu docencia nun instituto da Coruña, cidade onde residiu ata o seu falecemento, desenvolvendo ideas e prácticas anovadoras e progresistas para a súa época. Foi fundador e destacado membro da Irmandade da Fala coruñesa. Alén diso, ademais de brillante conferenciante, deixou unha abundante obra escrita, con numerosos artigos, publicados maiormente no semanario A Nosa Terra, e varios libros ensaísticos que recollen as súas teorías nacionalistas, socialistas e europeístas, así como argumentacións a prol dunha necesaria reforma e modernización do ensino galego e da defensa e normalización do uso da nosa lingua. Outrosí, cultivou tamén a poesía.

Nos depósitos da Fundación Penzol, ademais de exemplares da obra impresa de tan notable pedagogo, existe un importante fondo arquivístico, que ingresou nos anos setenta por decisión da súa viúva, Jacinta Landa, quen, residente daquela en México, mesmo chegou a visitar as instalacións da institución en 1973. O variado fondo de Xohán Vicente Viqueira, dixitalizado e accesible na web da Penzol, inclúe documentación dos estudos en Alemaña, da súa participación nas Irmandades e dos distintos materiais, froito do seu labor docente, xunto a textos literarios manuscritos con ensaios, poemas e traducións, ademais de correspondencia e diversas fotografías persoais e familiares.

Para a súa maior difusión, publicamos un novo número do boletín dixital Novas Penzol coas referencias bibliográficas e arquivísticas, que poderá consultarse en rede a partir da súa presentación no marco dunha xornada, organizada coa colaboración do Consello da Cultura Galega, que tratará sobre distintas facetas da súa personalidade, e que, coincidindo coa data do seu nacemento, o 22 de outubro, se celebrará na sede da Fundación Penzol, na Casa Galega da Cultura de Vigo.

A xornada, coordinada por María Dolores Cabrera, vicepresidenta segunda da Fundación, contará cos participantes e os temas que a seguir se relacionan:

— “Palabras de benvida” de Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol, e Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.

— “Presentación” por Silvestre Gómez Xurxo, padroeiro da Fundación Penzol, do número 31 do boletín Novas Penzol.

— “Psicopedagoxía e reforma escolar en Galicia”, por Antón Costa, catedrático xubilado de Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

— “A irmandade de Viqueira”, por Xurxo Martínez, responsable técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e investigador.

— “Xohán Vicente Viqueira e a lingua”, por Xosé Manuel Dasilva, catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo; padroeiro da Fundación Penzol.

Data: 22 de outubro de 2024, ás 19 horas
Lugar: Salón de actos da Casa Galega da Cultura

Praza da Princesa, 2 – Vigo

Comparte nas túas redes sociais ou por email