50 anos de GRIAL (1963-2013)

Categoría: Nova

O xoves, ás 20 horas, reunímonos os amigos e amigas da revista GRIAL na Fundacion Novacaixagaicia, rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela para celebrar o 50 aniversario da publicación cultural decana de Galicia e unha das mais antigas de España nesta especialidade. Nas páxinas de GRIALcolaboraron algunhas das grandes personalidades históricas da cultura galega, mais hoxe afrontámonos sobre todo aos desafíos do futuro.
Nesta liña intervirán no acto catro colaboradores da revista que representan o que poderiamos chemar unha nova xeración: María López Sandez (ensaista, narradora, Premio Ramón Piñeiro de ensaio e Premio de novela Repsol), Xurxo Martínez (historiador da literatura, a edición e o xornalismo no Rexurdimento), Iolanda Casal (xornalista) e Antonio García Fernández (arquitecto, editor e profesor).
En distintas quendas, e a través de videoconferencia, enviaron saudos a GRIAL escritores, profesores e personalidades relacionadas coa revista dende ámbitos moi diversos, tanto do hispanismo como do galleguismo e a lusofonia. Intervirán no acto Giuseppe Tavani (dende a universidade de Roma), Marcos Bagno dende Brasilia, Xavier Queipo dende Bruxelas, Débora Campos dende Buenos Aires, Javier Gómez-Montero dende Kiel, Óscar Loureda dende a universidade de Heidelberg, Jonh Rutherford dende Oxford, María Rosa Lojo dende Buenos Aires, Fernando Venâncio dende Lisboa, Valeria Gil dende a universidade de Sao Paulo, Arcadio López-Casanova dende a universidade de Valencia e Basilio Losada dende Barcelona.
O acto será dirixido pola xornalista María Solar e nel parciparán os codirectores de GRIAL. Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo, cunha sorpresa final: un colaborador da revista que iniciou a súa andaina nas letras galegas nos primeiros cadernos do ano 50.
Seguimento en streaming
Tal como anunciamos, o acto poderá seguirse en streaming, en directo, a través do blogue de Editorial Galaxia e a través da plataforma BANBUSER para todo o mundo. En próximos días iremos incorporando no noso blogue as intervencións dos académicos e as personalidades que participan dende o exterior no 50 aniversario da revista.

Comparte nas túas redes sociais ou por email