50 aniversario da folga xeral do 72

Categoría: Nova

Cúmprense hoxe 50 anos da folga viguesa que desafiou ao Franquismo. O setembro vermello vigués. Do día 9 ao 26 daquel setembro de 1972 a clase obreira da cidade deixou os seus traballos, ata 25.000 traballadores, e botouse as rúas costentas a loitar  por uns dereitos que o réxime franquista negaba e non recoñecía. O que comezou coma un problema laboral en Citroën, polo despedimento de media ducia de empregados, rematou por se estender ás factorías máis emblemáticas da cidade olívica, Vulcano,  Reyman, Álvarez, Refrey, Barreras, ata  facer un total de 27. Foron 15 días de manifestacións, cargas policiais, represión política e laboral, días nos que mais de 6.000 traballadores recibiron cartas de despedimento. Ao remate da folga 400 deles nunca recuperaron os seus postos de traballo. Mais estes xornadas de loita foron semente, callando na conciencia de clase do proletariado vigués para as moitas loitas e reivindicacións que logo virían.
Galaxia quere unirse á conmemoración deste feito histórico, tan relevante na loita obreira viguesa e galega, publicando nas próximas semanas  o libro Memoria do Vigo proletario, 50 aniversario da folga xeral de setembro de 1972, unha obra colectiva de Carlos Morais, Xavier Moreda, Isidro Román Lago e Anxo Landín, onde se analizan e esmiuzan con rigor e fervor aquelas xornadas históricas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email