3, 2, 1… Micro Aberto!

Categoría: Nova

Con motivo da conmemoración do 17 de maio, Día das Letras Galegas, Editorial Galaxia celebrará en conxunto con El Corte Inglés, unhas sesións de Micro Aberto nas cidades de Vigo, Santiago e Coruña, poñendo en valor e achegando a cultura galega a algunhas das principais cidades.

Para festexar as nosas Letras, dedicadas este ano á escritora, filóloga e violinista, Luísa Villalta, organizamos un recital “Micro Aberto”, este xoves 16 de maio, ás 19 h, que reunirá a escritoras e escritores da nosa Galaxia. Todas e todos os autores participantes lerán un fragmento breve da súa obra.

En Vigo, o acto, conducido polo xornalista Rafa Valero, dará comezo con dous bailaríns e voz e toque de pandeireta da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro, representando o baile da regueifa, una danza tradicional galega que se bailaba nos casamentos, habitualmente os noivos. Contará coa participación de autoras e autores da nosa casa, como María Alonso Seisdedos, autora de “As Jermaine”; Rexina Vega, autora de “O teu perfil na miña sombra”; Xulio Teixeira, autor de “As vidas do río”; An Alfaya, autora de “O corazón das casas”; Antonio García Teijeiro, autor de obras como “Que demo de monicreque!”; ou Juan Parcero, autor de “Na canella infinita”; que participarán lendo algúns fragmentos das súas obras. Contará coa presencia de Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e de Fuencisla Cid, directora de Comunicación, Relacións Institucionais, Márketing e Sostibilidade de El Corte Inglés en Galicia e Asturias.

En Santiago, o acto será conducido pola xornalista a escritora Paula Señarís, autora de Hermilindo esbirra poemas, libro ilustrado por Laura Romero Pereira. Contará coa participación de autoras e autores como Marilar Aleixandre; autora de As malas mulleres, Premio Nacional de Narrativa; Beatriz G. Turnes, autora de Comando Sintrom; Abel Tomé, gañador do Premio García Barros 2024 con A noite do Oso;  que participarán lendo algúns fragmentos das súas obras.

Por último, na Coruña, contaremos coa participación de Abraham Pérez, autor de O paso en falso; ou Fernando Castro Paredes, autor de Entomoloxía para misioneiros, Premio García Barros 2023;  que participarán lendo algúns fragmentos das súas obras. Conducirá o acto, María Nieto, escritora e membro da Asociación Galega de Escritores.

3, 2, 1… Micro Aberto!

Comparte nas túas redes sociais ou por email