20 anos sen Carlos

Categoría: Blog

Hoxe cúmprense 20 anos do pasamento do que foi o noso director, Carlos Casares. Escritor e protagonista no Día das Letras Galegas 2017, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega. Traballador incansable, dirixiu Galaxia e a revista GRIAL ata os seus últimos días.
Contador nato de historias, brindounos un legado repleto de obras de calidade, tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán, ou os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío.
O sol do verán, é unha historia de amor e morte, un canto melancólico á beleza, á xuventude e á plenitude da vida e da memoria.
Para público infantil escribiu libros como A galiña azul, un dos clásicos da LIX galega, que foi creada cando aínda non se facía, apenas, literatura infantil na nosa lingua; ou Un polbo xigante, un libro xoia, como a comida saborosa, completa, pero lixeira e dixestiva. Ideou As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, lectura recomendada para a partir de 8 anos, é unha das historias máis divertidas da literatura infantil e xuvenil galega.
Non só destacaba por ser unha persoa brillante, a súa bondade e xenerosidade eclipsaban a súa faceta intelectual. Nunca nos esqueceremos de ti, amigo Carlos, sempre estarás presente na nosa memoria.

Comparte nas túas redes sociais ou por email