Unha historia de amor e morte, un canto melancólico á beleza, á xuventude e á plenitude da vida e da memoria.
O suicidio de Carlos desata as lembranzas de Helena, que evoca os veráns compartidos da nenez, á vez que indaga nos motivos desa acción brutal e sorprendente. Unha historia de amor e morte; tamén, canto melancólico á beleza, á xuventude e á plenitude da vida; a enorme riqueza de O sol do verán reside no poder evocador das lembranzas e na capacidade do autor para compartilas. Xunto a un inigualable traballo cos personaxes, que logran adquirir a verosemellanza do real, a recreación de certos momentos da infancia fan desta novela unha das obras ineludibles para calquera lector galego que guste do trato con esa literatura que, como di Albert Camus na frase que enceta o libro, se basea na "verdade de ser e de sentir".
Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense en 1941 e morreu en Vigo en 2002. Escritor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 2017.