Cando se ten a sorte de convivir con máis dunha lingua é difícil comprender que un feito tan positivo e enriquecedor poida ser obxecto de polémicas e enfrontamentos. Vivo en Cataluña, e poucas veces escoitei á xente queixarse de que o ensino fose en catalán. Hai moitos anos que empregan a súa lingua nos centros, como fan en Madrid, ou en París, e a ninguén, en principio, lle molesta algo tan evidente. Unha proba de que se poden aprender as dúas linguas oficiais sen ningún temor é que en Cataluña o alumnado obtén mellores resultados nos exames de castelán que nos de catalán na Selectividade. O castelán é máis sinxelo, e cohabita sen problemas. De feito, aquí os índices de inmigración medran día a día, e nenos e nenas dos máis variados países aprenden catalán coa mesma naturalidade coa que aprenden a xogar á Play. Hai que adaptarse. Pero tamén aprenden a falar castelán. Unha sorte, ¿non si? Un dous por un. E eu pregúntome: ¿Cal é o problema?