'A rosa do viño', Premio Gourmand World Cookbook Awards 2010

Categoría: Nova

O libro 'A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia', de Xavier Castro, vén de ser recoñecido co presitixioso Gourmand World Cookbook Awards 2010 como mellor libro en galego do ano.
Agora, competirá na categoría "GOURMAND BEST IN THE WORLD" que, como o seu propio nome indica, pode convertelo no mellor libro do mundo neste tipo de produtos editoriais.
Os resultados anunciaranse o mércoles 2 de Marzo de 2011 no teatro Le 104 da Paris Cookbook Fair.
O libro, que leva meses recibindo moi boas críticas, publicado pola editorial Galaxia, obtivera xa antes o Premio Deza Investigación concedido por los Ayuntamientos de la Comarca del Deza (Pontevedra).
'A rosa do viño' inspírase no procedemento popular empregado para apreciar a calidade do viño, reparando nomeadamente na súa densidade, no corpo que posuía. Tíñase en mellor estima o tinto de acendrado espesor ("que críe sangue"), que era o que deixaba uns trazos vermellos que, ó descender polas paredes da cunca, formaban os pétalos dunha flor, a rosa do viño.
A presente obra constitúe un achegamento á historia cultural do viño en Galicia, e artéllase como un traballo de investigación histórica que emprega fontes primarias, en boa parte inéditas, e recorre tamén a bibliografía primordial. Pretende, deste xeito, aterse ao rigor histórico pero procura asemade relatar unha faceta relevante da experiencia colectiva dos galegos dun modo que sexa interesante á par que resulte tamén de grata lectura.
O libro incorpora dun xeito novidoso a tradición enogastronómica galega dos nosos clásicos (nomeadamente Pardo Bazán, Julio Camba, Picadillo, Cunqueiro e Castroviejo) e as achegas dos tratadistas modernos, ao que se engade a sensibilidade popular en todo o que concirne á cultura do viño, tal e como quedou reflectida en textos de moi variada índole e, como non, tamén na memoria viva. Non se relega tampouco a tradición literaria: Valle-Inclán (cuxa actitide respecto do viño se estudia de xeito particular), Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Castelao e a literatura costumista.
Detense na consideración do tradicional gusto popular e no protocolo da bebida fronte á cata experta. Constátase a realidade dun ethos étnico, patente no modo enxebre de beber os galegos, e examínanse tanto as as boas maneiras como os usos populares, analizando o tránsito da bebida comunitaria (beber por quenda empregando un mesmo recipiente) á unha concepción individualista no xeito de beber. Alúdese asemade aos recipientes (pichel, xerro, cunca, vaso e copa) e as expresións características que se adoitaban empregar nesta práctica social.

Comparte nas túas redes sociais ou por email