Renace a colección Tartaruga de Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Cun novo formato, novidoso e cheo de cor, reaparecen "os tartarugas" da man de Antonio García Teijeiro (Coplas, Aloumiños), Palmira G. Boullosa (Arrolos, Adiviñas) e David Otero (Por se che pasa), tres autores pioneiros no traballo de producir textos para os primeiros lectores.

Nos cinco libros atoparemos historias cheas de música e de ritmo, todas elas recendendo ao sabor fermoso da narración oral. Cinco libros, en definitiva, para ler de vagariño e namorar da lectura.

A ilustración, a cargo de Ruán, resulta moderna e anovadora, axudando así a revitalizar unha colección moi querida polos mestres e mestras de primaria desde hai décadas.

Ao igual que o caparazón das tartarugas, que sempre medra e se fai máis duro co paso do tempo, esta nova xeira da colección, que axiña ofrecerá novos títulos, volve coa idea, firme, de servirlle de estímulo á lectura aos máis pequenos da casa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email