Clara do Roxo

Categoría: Recensión

Na novela Maeström, Maelström, Manuel Sánchez Gálvez converte a Nemo nun Fausto na cidade, un home inmortal ás ordes do seu inimigo. Da súa man coñeceremos a evolución da cidade de Vigo, tan protagonista coma un personaxe principal, pero tamén os dilemas morais e a agonía do capitán, que ve marchar a seres queridos e amigos mentres el continúa só na súa eternidade, co seu adversario Maelström sempre presente. As reflexións deste home inmorredoiro viven agochadas nun escritorio de palisandro que contén un caderno azul escrito pola súa man. Só pola lectura dese caderno azul paga a pena ler Maeström, Maelström, pero o autor vai moito máis aló. Ese caderno azul, presente durante toda a obra, será o nexo de unión coa outra protagonista da historia, unha muller do seu tempo, Amanda, atrapada tamén nun dilema moral: o de entregarse en exclusividade ao traballo en detrimento da súa vida familiar. Triunfar profesionalmente ou dedicarlle tempo á filla. Manuel degraña os sentimentos contraditorios e a ansiedade dunha Amanda, que atopa as claves correctas dentro do libro azul de Nemo, mesturando ambas historias nun final impredicible.
Baixo o meu punto de vista o libro posúe un atractivo especial, xa que o autor foi quen de introducir un personaxe de ficción dentro dunha historia actual e real, sen que se produzan cortes nin fisuras no seu relato, ensamblando á perfección pasado e presente, realidade e fantasía, pero tamén achega un elemento moi reflexivo que obriga ao lector a poñerse na pel de Nemo e de Amanda e a esmiuzar as razóns das súas decisións. Neste contexto é onde a escrita de Manuel se viste de longo e leva aos lectores e lectoras a recapacitar sobre as prioridades da vida. Qué é o que importa de verdade? semella preguntarnos a cada un de nós.

Comparte nas túas redes sociais ou por email