Presentación virtual de “O país do porvir”

Categoría: Nova

O día 11 de xuño, ás 19 h, celebrarase, a través da plataforma ZOOM, a presentación de O país do porvir, de Xoaquín Fernández Leiceaga. Acompañando ao autor, coordinará o evento Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia. Poderedes acceder ao encontro a través da seguinte ligazón e contrasinal:
A Editorial Galaxia invítalle á reunión de Zoom programada.
Tema: Presentación de “O país do porvir”, de Xoaquín Fernández Leiceaga
Hora: 11 xuño 2020 19:00 PM
Unirse á reunión Zoom
https://zoom.us/j/8208888663?pwd=ZVh6S2VSbWwyOWJWaktNTXZ2KzhNZz09
ID da reunión: 820 888 8663
Contrasinal: 5SEGD2
Vivimos moitos anos encerrados no mito do “atraso”

Pero Galicia, con esforzo e sacrificios, modernizouse. Explotando as posibilidades que ofrecía o mercado español, comunitario e mundial. Avanzando tamén grazas ás alavancas dun Estado, democrático e descentralizado, que foi progresivamente coidando dos seus habitantes e practicando a solidariedade, interpersoal e interrexional. Temos unha poboación formada, con empresas que traballan en mercados esixentes, co seguro que representa estamos integrados nun marco español e comunitario que favorece o proceso. E, sobre todo, cun autogoberno poderoso que, por máis que hoxe amose síntomas de crise, deberá pasar dunha adolescencia de crecemento fácil a unha madureza de responsabilidade e eficiencia.
O futuro depende de nós. Economista, concelleiro, parlamentario e escritor, Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) propón neste libro cambiar a maneira de mirar o futuro, sen o peso do pasado mais si apoiándose nel para sortear as barreiras e superar os obstáculos. Empregando con sabedoría e afouteza os instrumentos que o país ten. Ese debe ser o país por vir. O país do porvir.
Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961), profesor titular de Economía Aplicada desde 1992, foi director do Instituto Universitario de Estudios e Desenvolvemento de Galicia (1998-1999: 2014-2016) e vicerreitor de Asuntos Económicos da Universidade de Santiago de Compostela (1990-1994). Como representante político, foi tenente de alcalde de Facenda (1999-2007) en Santiago de Compostela, deputado do Parlamento de Galicia (2005-2012), voceiro de Economía do Grupo Parlamentario Socialista (2005-2009) e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista (2009-2011; 2016-2019). Candidato á Presidencia da Xunta de Galicia polo PSdeG-PSOE (2016), é senador en representación da Comunidade Autónoma de Galicia. Publicou, entre outros libros, Economía política do monte galego(1990), Capital estranxeiro e industrialización en Galicia (1993), El impacto de las multinacionales sobre las economías de acogida (1998) e, nesta mesma editorial ¿Por que fracasou a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia? e outros ensaios (2010); en colaboración con outros autores, Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista (1990),Estrutura económica de Galicia (2000), Avellentamento demográfico e consecuencias socioeconómicas (2000), Os montes veciñais en man común (2006) e Galicia, ¿un pobo con futuro? (2014). Tamén e autor da novela Agosto de memoria e morte (2015).

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email