Presentación do Premio Repsol de narrativa breve

Categoría: Nova

Miguel Sande procede da poesía e do teatro. Esta é a súa primeira incursión na narrativa de ficción. Incursión con éxito. Se algún día unha muller morta, que recibiu o Premio REPSOL de Narrativa Breve na súa primeira edición, está a obter unha excelente acollida tanto de crítica coma de público.

No Kiosco Alfonso da cidade da Coruña asistiron á presentación do libro o director de Repsol en Galicia, Rafael Rubio, a Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e o propio autor.

Miguel Sande falou do seu libro coma unha experiencia "dende o límite", sen concesións. "Intentei un texto intenso, intentando construir a intimidade dunha muller que se sente morta, maltratada, torturada, e que quere recuperar a vida, a sensación de estar viva, a volta do sangue a correr polas súas veas".

Un asunto delicado e de extraordinaria actualidade: os malos tratos, o desamor, a soidade, o desencontro entre as parellas. "Pero non hai discusións. Non hai golpes. Non hai escenas dramáticas entre as partes", explicou o autor. "Só está ela, a muller. Asistimos ao conflito dende o interior dela, a muller, que o autor sitúa no principio da novela agochada nunca furna, nunca praia, entre o chío das gaivotas…".

A utilización da lingua, a estilística do relato, foi especialmente gavada nas intervencións. Miguel Sande, que procede da poesía, manexa con especial talento os recursos estilísticos, dotando á novela dunha linguaxe rota, moi consciente, que radicaliza expresivamente as posibilidades do discurso interior da protagonista. A súa experiencia teatral nótase na capacidade para construir espazos, escenarios simbólicos onde se desenvolven distintos planos emocionais: dende o interior da cova na praia ata a cadeira dunha perruquería ou a sala de exhibición dunha película.

No acto, o director de Repsol en Galicia, Rafael Rubio, e a Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, reafirmaron a súa intención de continuar cun premio literario que nace coma unha "porta aberta á creación de novos espazos". A narrativa breve ten unha grande tradición literaria entre nós e o Premio Repsol, dotado con 6.000 euros, aspira a reafirmarse coma unha referencia obrigada no desenvolvemento do xénero.

Comparte nas túas redes sociais ou por email