Pasamento dun histórico do galeguismo

Categoría: Nova

Nas dependencias da Fundación Penzol, na Casa Galega da Cultura, desenvolvéronse durante dous días, domingo e luns, os actos cívicos de despedida a don Paco: Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), fundador da Editorial Galaxia en 1950, avogado, escritor, xornalista, figura sobranceira do galeguismo.

Persoas de toda condición, institucións públicas e privadas, asinaron no libro de condolencias que estivo a disposición dos visitantes na Fundación Penzol, na porta da biblioteca e no museo onde se custodian os depósitos, cadros, arquivo, libros e documentos do intelectual, finado no seu domicilio de Vigo na tarde do pasado venres, día 26.

As súas cinzas serán depositadas no cimiterio de San Pedro da Ramallosa, concello de Nigrán, ao carón das da súa esposa, Evelina.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e a presidenta do Parlamento Galego, Pilar Rojo, acudiron ao velorio civil da Penzol para deixar constancia da súa condolencia. Outrosí, os conselleiros de Cultura e Educación, Roberto Varela e Xesús Vázquez; o delegado do goberno en Galicia, Antón Louro, e o ministro de Educación do goberno de España, Ángel Gabilondo.

Con anterioridade, a executiva da Real Academia Galega, presidida por Xosé Luis Méndez Ferrín, celebrou nas dependencias da fundación unha xuntanza para ver de artellar un plenario da institución na sede da Penzol, en homenaxe a quen foi un dos membros máis sobranceiros da RAG, presidente da mesma de 1997 a2001.

A Xunta de Galicia e o Parlamento Galego preparan diversos actos en honor do último dos patriarcas das Letras Galegas. Editorial Galaxia, a Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Isla Couto, en colaboración co concello da cidade de Vigo, o Consello da Cultura Galega e a RAG promoverán unha homenaxe o 7 de xaneiro, data na que Fernández del Riego cumpriría 98 anos, aniversario asemade do falecemento de Alfonso R. Castelao en Buenos Aires en 1950.

Centos de persoas encheron o templo da Colexiata de Vigo, nun funeral presidido polo bispo da diócese, Luis Quinteiro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email