O director Ángel de la Cruz levará ao cine LUME DE COBIZA

Categoría: Nova

O director Ángel de la Cruz adaptará para as pantallas coa súa produtora Artemática, a novela 'Lume de cobiza', a recente entrega do detective Frank Soutelo na súa primeira aventura en Galicia, obra do escritor e crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández, editada por Galaxia e actualmente nas librarías.

Trátase da cuarta novela co personaxe de Frank Soutelo, norteamericano co pai de Soutelo de Montes e nai de Muros, que está a ter unha boa acollida de crítica e de lectores. Neste caso a investigación parte dunha morte en estrañas circunstancias que o levará ata unha trama de especulación urbanística relacionada coa vaga de lumes do ano 2006. Na presentación, no hotel compostelán Palacio do Carme, o director estivo acompañado do director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, ademais do propio autor e de numerosos invitados pertencentes ao sector audiovisual, lectores e amigos.

O acto completouse coa proxección dun teaser do proxecto audiovisual de 'Lume de cobiza', e coa presentación da web www.franksoutelo.com.

Comparte nas túas redes sociais ou por email