Nova York na Feira da Coruña

Categoría: Nova

En pouco de tempo, Editorial Galaxia vén de editar tres libros nos que a cidade dos rañaceos está presente ou serve de pano de fondo de diferentes historias: Brooklyn Follies de Paul Auster, Xelamonite de Luis Paradelo e agora New York, New York de Inma López Silva.

Tres relatos nos que a gran cidade aparece de fondo ou serve de referencia. Nalgúns casos mesmo se converte en protagonista. O libro de Inma López Silva, que acaba de saír, nace dun diario persoal que a autora escribíu durante unha estadía de traballo de varios meses en Manhattan, instalada nun apartamento dun cuarto andar sen ascensor, con pouca luz e o balbordo constante das obras que, de cando en vez, mesmo facían tremer todo o edificio. Con humor, cunha admirable capacidade de observación e, sobre todo, cunhas irresistibles ganas de vivir que lle dan á súa literatura un pulo e unha frescura gratificadoras, Inma López Silva mergúllanos na Gran Mazá e, en certa maneira, invítanos a mergullarnos na súa propia andaina persoal.

Brooklyn Follies, a novela de Paul Auster, converteuse nun dos acontecementos editoriais do pasado ano 2006, reforzado agora coa recén saída Viaxes no scriptorium, a súa última entrega (as dúas traducidas por Eva Almazán). Personaxes desacougados na procura da esperanza, ás veces dunha estrela no ceo para se orientaren, para atopar un sentido ou razón para vivir, todo nas vésperas da gran traxedia que había de conmover o mundo o 11-S. A narradora de New York, New York de Inma López Silva escribe cartas a Paul Auster e sente un arreguizo de angustia e de abraio diante do gran buraco onde antes estaban as chamadas Torres Xemelgas.

A historia que Luís Paradelo conta en Xelamonite comeza tamén na cidade norteamericana, na noite escura e axitada das súas rúas marxinais, anuncio da viaxe interior do narrador, referenciado despois na cidade de Ourense. Dalgún xeito a cidade galega (Ourense) e a norteamericana, con algunha referencia a Compostela, son os espazos metafóricos dun texto cargado de significado e de introspección analítica que anuncia, sen dúbida, o principio do camiño dun excelente escritor.

Comparte nas túas redes sociais ou por email