Manuel Núñez Singala presenta o próximo luns, día 9, ás 18h, o seu novo libro, a novela Camiños na auga, na Praza da Verdura de Pontevedra, dentro das actividades da programación "Maio, mes da lingua" que organizan Onda Cero e o Concello. Camiños na auga conta a historia de Szymo, un rapaz albino que escapa do seu fatídico destino na África poscolonial cunha viaxe iniciática na que percorre, xunto ao lector, os ríos e océanos que o alonxan dun futuro posible, dunha vida que soña mellor.

Núñez Singala é autor -entre outras- das exitosas pezas teatrais O achado do castro (1991) e Comedia bífida (2007), dos volumes de relatos Menú de enganos (2010) e Instrucións para tomar café (2014); e máis do ensaio En galego, por que non? (2009). Nesta obra nova, Manuel Núñez Singala abandona o paradoxo e mais o senso do humor como recurso para resolver situacións e adopta un uso distinto, pois o paradoxal e o aparentemente circunstancial dos relatos convértese neste libro en contradición esencial. Algo que xa estaba presente en toda a súa obra anterior mais que alí se limitaba especificamente ao ámbito do "social", transfórmase agora nun conflito substancial, é dicir, o da produción de identidade: a nuda vida —a determinación do corpo— fronte á liberdade de escoller.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR