Máis de vinte obras compiten xa no I Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño

Categoría: Nova

Xa son 24 as pezas presentadas ao I Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño convocado polo IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia.
Cando quedan pouco máis dez días para que finalice o prazo de presentación de orixinais, o vindeiro 1 de abril, o correo electrónico do Ribeira do Louro xa rexistrou máis dunha vintena de participantes, un dato máis que salientable sendo esta a primeira edición do premio.
O certame, que nace coa finalidade de animar á escrita de pezas teatrais dirixidas ao público mozo, é dicir, ao alumnado da ESO e Bacharelato, é unha iniciativa que se suma á aposta decididada pola dramaturxia galega por parte de Galaxia, da que dan conta os últimos títulos de teatro infantil e xuvenilpublicados na colección Árbore e Costa Oeste.
Poden participar no certame todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega. As obras serán de temática e extensión libre e deberán prestar especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas, tendo en conta o publico ao que van dirixidas. O premio consistirá na publicación da obra por parte da Editorial Galaxia. O fallo darase a coñecer no mes de xuño.
Consulta as bases aquí.

Comparte nas túas redes sociais ou por email